A miña máis agarimosa benvida!

Boas! Son Lucía e alégrome moito de saudarvos por aquí. Ás veces, achegarse a unha lingua desperta as mesmas sensacións que facelo a un becho peludo, de aí o nome deste blog. Deixarémolo en que o resultado da interacción resulta incerta. Teño a gran sorte de adoptar aquí o rol de intermediaria para que ese encontro sexa o máis parecido posible ao que teriades cunha bolboreta e non cun escornabois. Aínda que os dous son fermosos, son múltiples as circunstancias que nos levan a reaccionar de maneira distinta ante eles. Iso mesmo penso que ocorre na aprendizaxe das diferentes linguas. Calquera que sexa a vosa motivación e condicionantes, eu estou aquí para axudarvos, así que poñede o casco de exploradora do Decathlon porque iniciamos o camiño polo curso da Escola Oficial de Idiomas de Lugo que culminaredes cun nivel C1 de galego . Asegúrovos que a viaxe será apaixonante! Saúdos!